Saturday 18 de May de 2024

O Concello remodelará e ampliará o carril bici no barrio de Someso, conectándoo coa rede existente no campus de Elviña


Os traballos executaranse sobre o antigo treito de carril bici que bordea o centro comercial Espacio Coruña. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude da veciñanza

O Concello da Coruña iniciará nas vindeiras semanas as obras de remodelación do treito de carril bici existente no barrio de Someso, co obxectivo de mellorar e ampliar esta infraestrutura para conectala coa rede ciclable que chega ao sector leste do campus universitario de Elviña.

A grandes rasgos, os traballos centraranse en dar continuidade ao treito de carril bici da avenida da Universidade, construído e habilitado a mediados do ano pasado. Desta forma, ampliarase o percorrido actual bordeando o CIFP de Imaxe e Son, a rotonda da propia avenida e a glorieta da rúa José Pascual López Cortón, conectando este novo treito de carril bici cun xa existente, mais infrautilizado ata agora: o que discurre en paralelo ás ramplas de acceso e saída do párking do centro comercial Espacio Coruña.

Este carril bici tamén será mellorado e adecuado en sintonía coa estética xeral da rede ciclable da cidade, na que predomina o pavimento diferenciado en cor granate, para facilitar a distinción das persoas usuarias con respecto ás zonas de paso das e dos ciclistas. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello tamén acometerá as tarefas de pintado necesarias para a sinalización horizontal dos puntos nos que haxa pasos de preferencia peonil.

Esta intervención forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza do barrio de Someso. A folla de ruta para mellorar os espazos públicos do distrito tamén supuxo, meses atrás, a creación da primeira estación de BiciCoruña na propia avenida da Universidade, fronte ao recinto ferial ExpoCoruña.

O carril bici chegará á contorna do pavillón polideportivo da UDC

Os traballos para ampliar o percorrido do carril bici de Someso permitirán que as persoas usuarias do mesmo cheguen ao campus universitario de Elviña. Concretamente, á contorna do pavillón polideportivo da Universidade da Coruña (UDC), a escasos metros do estadio universitario e as pistas de atletismo. A conexión ciclista de Someso co campus de Elviña é posible grazas á senda ciclable que, partindo desde a rúa Lamelas, discurre baixo o viaduto da avenida García Sabell e, a continuación, pasa por baixo da rede ferroviaria na que se atopa o apeadoiro Elviña-Universidade. Este treito tamén será renovado e mellorado.

A maiores, é de destacar que o Concello xa está traballando na posta en marcha de tres novas bases do servizo municipal BiciCoruña entre os campus universitarios de Elviña e A Zapateira. A primeira estará ubicada entre os edificios das facultades de Dereito e Ciencias da Educación, moi preto do pavillón polideportivo. A segunda habilitarase entre os edificios da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais, Portos e Obras Públicas e a Facultade de Informática; e, por outra banda, a terceira das bases, xa do campus da Zapateira, estará na beirarrúa que hai fronte á Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.